iPhone 12, móbiles e saúde

Hai uns días escoitamos que o iPhone 12 provocaba que as persoas quedasen sobreexpostas ás frecuencias de radio que emite. Foi o organismo oficial de control francés (ANFR) o que chamou á orde a Apple tras detectar, nun test realizado sobre 141 modelos de teléfonos móbiles, que o iPhone 12 proxecta 5,7 W/kg de enerxía de radio no brazo da persoa que o sostén, cando o máximo permitido é de 4,0 W/kg.

As directivas de seguridade europeas limitan a exposición ás ondas de radio emitidas polos dispositivos electrónicos que usamos a diario. O que se vixía é o «índice de absorción específica», o SAR polas súas siglas en inglés: a enerxía emitida polo móbil que o noso corpo absorbe de maneira indesexable. O SAR mide os vatios de radiofrecuencia que penetran en cada quilogramo de tecido biolóxico do noso corpo (W/kg).

A normativa define en detalle, con probas de laboratorio estandarizadas, os valores de exposición para tres situacións típicas que recoñeceremos de inmediato:

  • a) o móbil xunto á orella, provocando exposición na nosa cabeza;
  • b) o móbil nun peto da roupa, irradiando contra o tronco;
  • c) o móbil sostido coa man, emitindo sobre o brazo.

Nas dúas primeiras probas (cabeza e tronco) o límite SAR europeo é máis restritivo, 2 W/kg como máximo, e o iPhone 12 supéraas con éxito. Onde se detectou o problema foi no test de extremidades, que permite un valor máximo de SAR de 4,0 W/kg e que no caso do iPhone 12 semella ser de 5,7 W/kg, como vimos.

Estación da Curotiña (512 m), ría da Arousa.
Fonte: strelia.pro/proxectos/telecomunicacions

Esta exposición á radio é indesexable por dous motivos: por unha banda, polos posibles efectos sobre a nosa saúde; pola outra, porque queremos que chegue toda a radiofrecuencia posible á estación telefónica coa que se comunica o noso terminal, para ter o mellor servizo (navegación rápida, conversas claras…) e que esa enerxía absorbida non se perda en corpos nin en paredes.

Canto aos efectos na saúde do nivel de exposición detectado, cómpre sinalar que a normativa foi deseñada cunha marxe moi grande: a posibilidade dalgún efecto na saúde comezaría para valores de SAR superiores a 40 W/kg. Así que o valor de 5,7 W/kg do iPhone 12 en extremidades non debería alarmarnos en absoluto. O iPhone 12 é perfectamente seguro, malia o incumprimento punible de Apple.

É importante saber, ademais, que tras máis de 30 anos de intensos estudos científicos en todo o mundo (investigacións básicas e epidemiolóxicas) non se atopan relacións claras entre a exposición ás ondas de radio e enfermidades como o cancro, as afeccións cardíacas ou o deterioro das funcións cognitivas.

Quizais a pregunta interesante sexa, entón, por que se fai tanta investigación científica neste campo. Pois porque as ondas de radio úsanse desde hai menos de 100 anos e, nos últimos 50, de maneira masiva desde a chegada das emisoras de FM, a televisión, o wifi ou os móbiles. É unha novidade absoluta no desenvolvemento e na evolución da especie humana. Ata a aparición das redes eléctricas e dos sistemas radioeléctricos, a presenza natural destas ondas na biosfera do noso planeta era practicamente nula; hoxe, desde o momento en que unha persoa, un animal ou unha planta comeza a crecer, queda exposto durante toda a súa vida a estas frecuencias de radio.

Sucede tamén que as radiofrecuencias pertencen ao grupo das radiacións electromagnéticas NON ionizantes. Pero sabemos que existen outras radiacións electromagnéticas que si son ionizantes, como os raios UV (ultravioleta do sol) ou os raios alfa (emitidos polo gas radon, tan abundante en Galicia), que existiron desde sempre e que son canceríxenas cando hai exceso de exposición. O feito de que esas radiacións SI sexan ionizantes é o que as fai potencialmente canceríxenas; e o feito de que as radiofrecuencias non teñan a capacidade de ionizar (alterar) moléculas biolóxicas é o que as fai seguras neste sentido. Aínda así, loxicamente, a comunidade científica leva decenas de anos investigando se pode haber algún efecto destas novas ondas de radiofrecuencia na nosa saúde, sen atopar nada significativo nos niveis de exposición habituais.

As afeccións que se atopan están relacionadas principalmente co efecto térmico que produce esa enerxía de radiofrecuencia absorbida polo noso corpo. Isto refírese, por exemplo, a que se non houbese control do SAR, pasar unha hora falando por teléfono podería elevar varios graos a temperatura interna do noso cerebro, e ese quentamento provocaría malestar, como facilmente podemos entender. Pode haber outras interaccións, como a derivada da natureza eléctrica dos sinais de radio e da actividade eléctrica natural do noso corpo, que están estudadas e non son patóxenas dentro dos niveis establecidos.

Os límites de exposición SAR das directivas europeas (e do resto do mundo) derivan de todo o abano de estudos científicos desenvolvidos, e engaden un aspecto moi importante: o «principio de precaución». Ese principio é o que fai que un valor de SAR de 40 W/kg se volva 10 veces máis restritivo na normativa, admitíndose só 4 W/kg como máximo para autorizar un dispositivo.

Este principio de precaución é tamén o que impón que os operadores, en cada comunicación que se establece desde a torre telefónica, teñan que transmitir só coa potencia mínima requirida, que se axusta dinamicamente segundo o teléfono estea máis lonxe ou máis preto da estación. Para o móbil a normativa establece o mesmo: só debe emitir ao máximo nivel de potencia cando sexa necesario. As probas nas que fallou o iPhone 12 fanse a máxima potencia, polo que en moitos casos de uso diario este móbil non fallará, porque non precisa funcionar a máxima potencia.

O persoal facultativo que forma parte do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación de Galicia (COETTGA) realiza cada ano máis de 4.000 medicións de exposición radioeléctrica en todo o territorio galego, para garantir esta protección da saúde e o cumprimento da normativa por parte dos distintos operadores de telecomunicación.

Finalmente, o mellor consello que podemos dar á cidadanía nesta materia é insistir na mensaxe que as directivas europeas establecen que debe acompañar os terminais móbiles: usar o terminal preferiblemente afastado do corpo (con función de mans libres, auriculares, etcétera) e minimizar a exposición aos sinais de radiofrecuencia. Esta mensaxe pódese ver, no caso do iPhone 12, nesta ligazón: apartado Exposición a radiofrecuencias.

Cómpre saber que, tecnicamente, o teléfono baixa a potencia emitida cando detecta que está contra o corpo, para cumprir co SAR (igual que cando apaga a pantalla); e cando o temos separado sábeo, e pode emitir con toda a potencia necesaria polos dous lados do terminal dun xeito moito máis efectivo, mellorando a velocidade de comunicación e de transmisión, e consumindo menos enerxía.

Respecto de Apple, entendemos que corresponde ás autoridades europeas e estatais aplicar o protocolo establecido, esixindo a correspondente solución ao problema e que sexa este fabricante quen asuma os custos que iso implica. Diso despréndese que os organismos de control están vixiantes para que fabricantes e operadores cumpran a normativa establecida, con maior rigor aínda cando isto afecta ao ámbito da nosa saúde.

Santiago Moroño Arenas

Director de Enxeñaría en Strelia Electrotecnia

Enxeñeiro técnico de telecomunicacións

Colexiado n.º 7823 do COETTGA