IV edición do ForoTelecos Galicia 2023
Xornadas de encontro, networking, premios de recoñecemento, presentacións e reivindicacións: todo isto tivo lugar no IV ForoTelecos Galicia.
Celebrado para visibilizar e poñer en valor o traballo diario dos «telecos galegos» e potenciar a imaxe do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA).
O NH Collection A Coruña Finisterre foi o escenario elixido, ao que acudiron máis de medio cento de enxeñeiros técnicos de toda Galicia, representantes doutros colexios homónimos e autoridades para apoiar esta cuarta edición do ForoTelecos.
José Manuel Martínez, decano do COETTGA, dirixiu unhas palabras para reivindicar «a presenza e a capacidade de adaptación e desenvolvemento dos enxeñeiros técnicos en telecomunicacións naquelas esferas públicas que teñen que potenciar a dixitalización e a implantación das novas tecnoloxías».
Lembrou tamén que «o traballo do COETTGA é representar este colectivo e darlle visibilidade, así como respaldar iniciativas e proxectos relacionados coas TIC e cos retos dos seus profesionais».
Os representantes do COETTGA fixeron tamén a entrega dos Premios Enxeño 2023, unha terceira edición de galardóns que recoñecen a traxectoria de profesionais e entidades no mundo das telecomunicacións.
Premio Enxeño 2023 aos ex-xefes provinciais de inspección de telecomunicacións: Félix Canales, Salustiano Pérez, Perfecto Meixengo Armada, Manuel Pereira Pola e Xosé Lois González.
Premio Enxeño 2023 a Gradiant: recolleu o premio o seu xerente, Fernando Jiménez.
Premio Enxeño 2023 ao Instituto Nacional de Ciberseguridade: recolleu o premio o subdirector de INCIBE-CERT, Marcos Gómez.
Premio Enxeño 2023 á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo: recolleu o premio a súa directora, Rebeca P. Díaz.
Premio Enxeño 2023, ENXEÑEIRO DO ANO, pola súa gran actividade laboral e unha traxectoria impecable, a Santos Héctor Díaz.
Premio Enxeño 2023 á EXCELENCIA NAS TELECOMUNICACIÓNS ao CEO de Cellnex Telecom España, o teleco galego Alfonso Juan Álvaro Villamarín.
