V ForoTelecos Galicia 2024

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA) celebrou a súa V edición do ForoTelecos 2024, no Hotel Mercure de Lugo, unha cita que xa é un referente para profesionais e expertos do sector.

O Foro contou coa presenza de autoridades, representantes do sector das telecomunicacións e expertos, que abordaron, entre outras cuestións, as funcionalidades do 5G en casos de emerxencia, os retos das redes ante situacións de catástrofe e as canles de coordinación, protocolos e procedementos coas autoridades e comités de emerxencias.

Na quenda de intervencións, o decano do colexio, José Manuel Martínez, defendeu humanizar as telecomunicacións e sinalou que un dos grandes retos debe ser reducir a fenda dixital.

A Xunta comprometeuse cos obxectivos da Unión Europea para que en 2030 o cento por cento da poboación teña conexión e, dentro dese compromiso, destacou un proxecto posto en marcha para achegar a telefonía móbil «a toda a poboación galega» eliminando barreiras.

Xa na mesa de debate, Luis Pérez Roca (Gradiant) subliñou a relevancia das redes 5G para os servizos de emerxencias e fixo un repaso polas principais aplicacións específicas para emerxencias en situacións críticas. Ademais, destacou o papel dos sistemas aéreos non tripulados e o das redes non terrestres para «mellorar a conectividade no rural e facer as redes máis resilientes fronte a situacións críticas de desastre».

Na mesma liña, Antonio Rodicio destacou a importancia de contar cunha boa conectividade, fixa e móbil. «É un servizo esencial para a poboación, como poden selo o subministro eléctrico ou a auga». Neste sentido, salientou o traballo realizado por R como operador líder en Galicia.

«O noso obxectivo é seguir nesta liña, mellorando cada día», sostivo Rodicio.

Durante o acto tamén se fixo entrega dos Premios Enxeño 2024, unha vez máis para galardoar e recoñecer a traxectoria de profesionais e entidades no mundo das telecomunicacións.

  1. Premio Enxeño á traxectoria de innovación e I+D na industria electrónica: Alberto Prieto (director técnico de Tredess).

  2. Premio Enxeño á Excelencia na Investigación en Telecomunicación e Transferencia á Empresa: Fernando Pérez (catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo).

  3. Premio Enxeño á Estratexia Comercial e Dirección de Equipos nas Telecomunicacións: María Xosé Miguéns (grandes contas B2B de R Cable MasOrange).

  4. Premio Enxeño á Traxectoria Institucional na Administración Pública de Telecomunicacións: Ignacio Otero (Enxeñería e Planificación de Radio, TV e Multimedia da Xunta de Galicia).

  5. Premio Enxeño ao Enxeñeiro Colexiado do Ano pola transformación tecnolóxica aplicada a grandes empresas: Iván Castro (CTO de Estrella Galicia).