«Detrás das grandes revolucións dixitais de hoxe en día, que evolucionan a unha velocidade vertixinosa, hai profesionais das telecomunicacións que souberon anticiparse aos retos que a sociedade vai marcando» – Martínez Pérez, decano do COETTGA

  • A terceira edición dos Premios Enxeño reúne en Santiago de Compostela máis de medio cento de enxeñeiros técnicos de telecomunicacións no ForoTelecos Galicia 2023.

  • «Os enxeñeiros técnicos de telecomunicación xogamos un papel imprescindible nesta época e nunha sociedade de absoluto dominio tecnolóxico» – José Manuel Martínez, decano do COETTGA.

  • A colexiada Emilia Seoane, recoñecida co premio Enxeñeira do Ano.

Santiago de Compostela, venres 13 de xaneiro

Xornadas de encontro, networking, premios de recoñecemento, presentacións e reivindicacións: todo isto tivo lugar no III ForoTelecos Galicia. Un evento ambicioso para visibilizar e poñer en valor o traballo diario dos «telecos galegos» e potenciar a imaxe do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA).

O Hotel Oca Puerta del Camino foi o escenario elixido, ao que acudiron máis de medio cento de enxeñeiros técnicos de toda Galicia, representantes doutros colexios homónimos e autoridades para apoiar esta terceira edición do ForoTelecos organizada polo COETTGA.

O evento comezaba a última hora da tarde coa recepción de convidados e autoridades. Deu paso a un cóctel co respaldo dos produtos que ampara a marca Galicia Calidade e, acto seguido, á entrega dos Premios Enxeño 2023, para rematar cunha cea de confraternización que contou coa presenza do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), D. Julio Cerviño, encargado de clausurar o acto.

Antes da entrega dos recoñecementos a entidades e profesionais, José Manuel Martínez, decano do COETTGA, dirixiu unhas palabras para reivindicar «a presenza e a capacidade de adaptación e desenvolvemento dos enxeñeiros técnicos en telecomunicacións naquelas esferas públicas que teñen que potenciar a dixitalización e a implantación das novas tecnoloxías», co fin de reforzar e impulsar o valor dos proxectos de enxeñaría técnica de telecomunicacións, fundamentais no crecemento e no correcto funcionamento de toda a sociedade. De feito, Martínez lembrou que «o traballo do COETTGA é representar este colectivo e darlle visibilidade, así como respaldar iniciativas e proxectos relacionados coas TIC e cos retos dos seus profesionais». O decano do COETTGA afirmou que «detrás das grandes revolucións dixitais de hoxe en día, que evolucionan a unha velocidade vertixinosa, como o blockchain, o metaverso, o big data, a ciberseguridade, a IoT ou a popularización das criptomoedas, hai profesionais das telecomunicacións que souberon adaptarse aos cambios e anticiparse aos retos que a sociedade vai marcando»; por iso, ademais de ser unha profesión con alta inserción laboral, é tamén eixe central da maioría das transformacións que está a vivir o mundo.

Premios Enxeño 2023

A seguir, os representantes do COETTGA fixeron entrega dos Premios Enxeño 2023, unha terceira edición de galardóns que recoñecen a traxectoria de profesionais e entidades no mundo das telecomunicacións.

Premio Enxeño 2023 á Delegación de Alumnos de Telecomunicacións, polo seu labor de representación das novas xeracións dentro da profesión.

Premio Enxeño 2023 á Asociación Galega de Blockchain e IoT (AGALBIT), por tratarse dunha iniciativa innovadora que proxecta as telecomunicacións na sociedade actual.

Premio Enxeño 2023 á Rede de Robótica Educativa, por levar as telecomunicacións e as novas tecnoloxías ás aulas desde idades moi temperás, onde se forxarán os futuros profesionais do noso sector.

Premio Enxeño 2023 á «Enxeñeira do Ano», á traxectoria da colexiada Emilia Seoane, adxunta á dirección técnica de RETEGAL, recentemente xubilada. Sempre visibilizou e defendeu o papel da muller nun sector eminentemente masculino.