Que fai un teleco?
Non somos quen de asimilar a variedade e a cantidade de traballo, desenvolvemento e enxeñeiros que hai detrás de cada transferencia de información nas actividades cotiás do noso día a día.
Ao enviar unha simple mensaxe de WhatsApp entran en xogo infinidade de tecnoloxías no campo das telecomunicacións, para seren quen de transmitir esa información de forma instantánea, segura e fiable, garantindo a transmisión ao mesmo tempo que se realizan outros mil millóns de transferencias semellantes.
Algo tan sinxelo como coller o mando para ver a tele…
Estamos afeitos a acender a televisión, cambiar de canle e subir o volume sen pensar en todo o que hai detrás; sen reflexionar nin ser conscientes de todas as tecnoloxías desenvolvidas por enxeñeiros técnicos de telecomunicacións que sosteñen ese xesto.
Hai todo un sistema de iluminación e de microfonía para que as cámaras e o sistema de realización poidan «recoller» o que está a suceder nun estudo. Unha serie de enxeñeiros técnicos de telecomunicacións, especializados en son e imaxe, son os responsables de desenvolver moitas veces todo ese proceso: desde o deseño da iluminación e a súa modulación electrónica ata o deseño, a evolución e toda a tecnoloxía incluída nos micrófonos.
Hoxe xa case todos son sen fíos, e a súa tecnoloxía de transmisión ás entradas de audio do sistema de realización foi deseñada e desenvolvida por un enxeñeiro técnico de telecomunicacións. E a maioría das veces non hai un só micrófono: son varios os que emiten cara ao mesmo receptor, en frecuencias e tecnoloxías de transmisión diferentes.
En paralelo, unha serie de cámaras de televisión están a gravar ou a recoller todo o que pasa en distintos planos, e a realización faise moitas veces en directo cun equipo humano e un software, tamén deseñado por enxeñeiros técnicos de telecomunicación que traballan día tras día na evolución dos propios sistemas electrónicos, das modulacións e das tecnoloxías de transmisión, tanto en son coma en imaxe.
E aí non queda a cousa. Unha vez feita esa realización, lembremos que en tempo real, coa integración de todo o son, as imaxes, os rótulos e mesmo hoxe sistemas de realidade aumentada para crear escenarios virtuais que axudan a transportar o espectador a situacións que doutro xeito non serían posibles. Imaxinas quen está detrás deses desenvolvementos tecnolóxicos?
Quen cres que fai posible captar o que está a suceder a través dun dispositivo electrónico como é unha cámara de vídeo, e que esa captación chegue por telecomunicacións de maneira fiable e realista, coas gamas cromáticas e as formas reais, a un sistema de realización? Quen fai posible combinar o son coa imaxe de maneira coordinada no tempo e integralo con desenvolvementos de realidade aumentada?
A partir de aí comeza o traballo doutra rama de profesionais. Iso si: enxeñeiros técnicos de telecomunicacións que fan que esa realización audiovisual se converta nun sinal que se transmite polo aire, baixo un protocolo de telecomunicacións, e que chega por cable ou por satélite (xa non vos vou contar quen os desenvolve nin que tecnoloxías integran) ata as nosas casas.
No medio de todo iso, torres e centros de emisión e reemisión colocados estratexicamente, de maneira estudada, para que todo o proceso se realice correctamente na banda de frecuencia que corresponde.
Evidentemente poderiamos pensar que todo o proceso é complicado. E podo garantir que o é. Pero para un teleco iso non abonda: ao mesmo tempo que se transmite ese sinal, estamos a transmitir centos e centos de canles en paralelo. Combina todo iso coa radio, cos sistemas de comunicación de emerxencia que emiten sobre o mesmo medio (o aire), coas comunicacións telefónicas, o wifi, o bluetooth e un longo etcétera de tecnoloxías implementadas de xeito conxunto baixo o mesmo medio.
Imaxinas que che conte como funciona cada unha delas, como se combina coas demais, e todos os procesos, protocolos, dispositivos e sistemas que hai detrás de cada unha?
Podemos avanzar ata hoxe. Como, ao facer unha chamada, se transmite e se converte a túa voz nun sinal dixital que «viaxa» de maneira case instantánea a outro terminal (non a un calquera, senón a aquel co que ti queres falar) a través de torres e antenas de telecomunicacións? E en tempos récord son quen de emitirse e recibirse a infinidade de quilómetros de distancia, entre unha nube de sinais e comunicacións na mesma banda de frecuencias e noutras, polos mesmos medios de transmisión, e de descifrarse ese sinal dixital nun audio que o auricular do móbil do outro interlocutor emite en forma de onda sonora audible.
Nunca paramos a pensalo, verdade?
Seguiría falando das transmisións a través de internet, dos videoxogos en tempo real, da mensaxaría instantánea, das plataformas de emisión de vídeo, dos programas de ordenador, dos sistemas de videochamada, dos equipos e tecnoloxías IoT ou da computación cuántica.
Suma a isto un gran desenvolvemento en seguridade, codificación, descodificación, cifrado, ciberseguridade, blockchain, aplicacións sensoras, dispositivos non tripulados (drons) e intelixencia artificial…
Es quen de valorar e entender o que fai un enxeñeiro técnico de telecomunicacións? Se aínda non o ves suficientemente claro, podes contactar connosco a través do COETTGA e estaremos encantados de asesorarte.
É importante que poidamos comprender o que sucede detrás das nosas actividades diarias, detrás dun simple WhatsApp ou dun complexo sistema de intelixencia artificial ou de condución autónoma.
Todo require un enxeñeiro técnico de telecomunicacións, ou un profesional cualificado, que garanta que todas esas transmisións se realicen de maneira segura e que a información chegue.
