Os enxeñeiros técnicos de telecomunicacións reivindican o seu papel durante a pandemia e a necesidade de dar máis visibilidade ao sector entre a mocidade e as mulleres
- O vindeiro reto é a chegada da fibra óptica e do 5G a todo o territorio estatal antes de 2025.
- Por primeira vez convócase en Galicia a Xunta do Consello de Decanos do COITT (a nivel estatal).
- A Arnoia acolleu o II ForoTelecos Galicia, cita que xuntou xornadas técnicas, premios de recoñecemento e numerosas reivindicacións.
A Arnoia, sábado 3 de xullo.
Xornadas técnicas, premios de recoñecemento, presentacións, retos e reivindicacións: todo isto tivo lugar no II ForoTelecos Galicia, o primeiro evento formativo presencial que os enxeñeiros de telecomunicacións celebran a nivel estatal tras a aparición da COVID-19, e no que mediron os avances, proxectos e expectativas do sector. O Hotel Balneario Arnoia Caldaria foi o escenario elixido, ao que acudiron enxeñeiros de todo o Estado, e comezou cunha xornada formativa con tres relatorios técnicos. No primeiro, impartido polo secretario técnico do COITT, Luis Miguel Chapinal, presentouse o anteproxecto de Lei Xeral de Telecomunicacións. A seguir, Optare Solutions presentou un relatorio sobre o 5G e as tecnoloxías habilitadoras: evolución, aplicación e ámbito social. O terceiro relatorio, a cargo de Televés, versou sobre o complemento de cobertura 5G no interior dos edificios.
Ao acto inaugural acudiron o Decano do Colexio Estatal, o Secretario Xeral de Planificación e Xestión do Espectro Radioeléctrico, Antonio Fernández-Paniagua, os decanos dos distintos Colexios de Telecomunicacións do Estado e o alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio.
Antes da entrega dos recoñecementos a entidades e profesionais, o decano do COETTGA, José Manuel Martínez, dirixiu unhas palabras para reivindicar a presenza e a visibilización dos enxeñeiros técnicos en telecomunicacións naquelas esferas públicas que teñen que adaptarse á dixitalización e ás novas tecnoloxías, ademais da gran capacidade de traballo que demostrou o colectivo durante a pandemia.
Salientou tamén a necesidade de novos talentos no campo da enxeñaría e a presenza da muller no sector, xa que só representan o 25 % das persoas matriculadas nalgunha rama de enxeñaría nas universidades. Pola súa banda, o presidente do COITT, Mario Cortés, sinalou a calidade do servizo de telecomunicacións que se mantivo durante toda a pandemia e que os acontecementos fixeron que a profesión se puxese en boca da sociedade e dos medios de comunicación.
Premios Enxeño 2020: recoñecementos a entidades e profesionais do ramo
A seguir realizouse a entrega dos Premios Enxeño 2020, unha segunda edición de galardóns que recoñece a traxectoria de profesionais e entidades no mundo das telecomunicacións.
Premio Enxeño 2020 Empresa Líder no Sector a OPTARE SOLUTIONS: recolleu o premio o seu CEO, Luis Álvarez Sestelo.
Premio Enxeño 2020 Proxección e Crecemento a FIBRALAR: recolleu o premio o seu CEO, Rafael Fernández.
Premio Enxeño 2020 pola Innovación e a Difusión das Tecnoloxías á CRTVG: recolleu o premio o director da Área de Innovación e Negocio, José Pereira.
Premio Enxeño 2020 a TODA UNHA VIDA a Jorge Raúl Carollo Barral, pola súa gran traxectoria profesional e a súa participación en máis de 750 proxectos, exemplo para todos os enxeñeiros de telecomunicacións.
Premio Enxeño 2020 ENXEÑEIRO DO ANO pola súa gran actividade laboral e unha traxectoria impecable, a Carlos Balsa.
O acto pechouse coa intervención do Subdirector Xeral de Planificación e Xestión do Espectro Radioeléctrico, Antonio Fernández-Paniagua, que felicitou o sector polo extraordinario labor realizado durante a pandemia e falou dos importantes retos que ten por diante: unha nova Lei Xeral de Telecomunicacións e unha Lei Xeral de Tecnoloxías 5G. Destacou tamén o reto de estender a banda larga a todo o territorio estatal, incluídas as zonas rurais, antes de 2025.



