Os «telecos» galegos entregan os seus Premios Enxeño durante o II ForoTelecos, que terá lugar o 3 de xullo no Balneario da Arnoia
Trátase do primeiro foro presencial do sector que celebran os enxeñeiros técnicos de telecomunicacións desde que comezou a pandemia.
> Durante esa fin de semana terá lugar a Xunta do Consello de Decanos do COITT (a nivel estatal), que se celebra por primeira vez en Galicia.
> No xantar de confraternización do II ForoTelecos entregaranse os Premios Enxeño 2020.
Á cita acudirá o Secretario de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, D. Roberto Sánchez Sánchez.
Galicia, martes 22 de xuño de 2021.
O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA) celebra o II FOROTELECOS GALICIA o sábado 3 de xullo no Balneario Arnoia Caldaria (A Arnoia, Ourense).
Trátase do primeiro evento formativo presencial que os enxeñeiros de telecomunicacións celebran a nivel estatal; será, por tanto, un bo termómetro para medir os avances, proxectos e expectativas do sector de cara aos vindeiros meses e para facer un breve balance do período pandémico e das súas consecuencias.
Ao acto inaugural acudirán, ademais de todos os decanos das distintas demarcacións estatais, o Secretario de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, D. Roberto
Sánchez Sánchez, así como representantes doutras institucións que confirmaron a súa presenza.
Tamén están convidados a este encontro representantes de empresas punteiras do sector das telecomunicacións e os colexiados galegos, asturianos e casteláns e leoneses.
«Estamos a vivir un momento histórico. Somos quen de imaxinar o que pasa nun minuto en internet? As telecomunicacións son a clave do desenvolvemento económico, social, cultural e educativo; a clave da evolución. Vivimos o proceso do Segundo Dividendo Dixital en Galicia evidenciando que as telecomunicacións avanzan máis rápido ca a lexislación. É de agradecer que os medios de comunicación visibilicen este colectivo profesional, e do xeito en que o fan, pois non cabe dúbida de que son o eixe central da sociedade moderna, tecnolóxica e
segura», asegura o Decano do COETTGA, José Manuel Martínez.
XORNADA FORMATIVA
Tras o acto inaugural comezarán as xornadas técnicas, dirixidas principalmente a colexiados e precolexiados, nas que representantes de empresas tecnolóxicas internacionais e de organizacións do sector transmitirán os seus coñecementos, experiencias e proxectos futuros.
PREMIOS ENXEÑO
Como na anterior edición do ForoTelecos, durante o evento entregaranse tamén os Premios Enxeño 2020. Un ano especialmente complicado para todos os sectores, pero que sobre todo puxo a proba a capacidade do ámbito das telecomunicacións como parte imprescindible das rutinas da cidadanía: desde os heroes invisibles da pandemia ata a cantidade de proxectos novos nacidos da necesidade de comunicármonos. Os Premios Enxeño deste ano destacarán o gran labor das telecomunicacións e dos enxeñeiros técnicos durante o ano pasado.
XUNTA DO CONSELLO DE DECANOS DO COITT
Durante a xornada previa á celebración do II ForoTelecos Galicia terá lugar a Xunta do Consello de Decanos do COITT (Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións), que por primeira vez se celebrará en Galicia. É o primeiro encontro presencial desde que comezou a pandemia.

