Os enxeñeiros técnicos de telecomunicacións reivindican unha Consellería de Telecomunicacións
- «Non podemos lexislar a cuarta revolución das telecomunicacións con profesionais alleos ao sector; por iso reivindicamos a inminente incorporación de graduados e enxeñeiros técnicos de telecomunicacións en todos os ámbitos da administración pública», destacou o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións, José Manuel Martínez.
- A Coruña acolleu o IV ForoTelecos Galicia, unha cita que contou con xornadas técnicas centradas na ciberseguridade e coa entrega de premios de recoñecemento a organismos, empresas e profesionais do sector, como o galego Alfonso Juan Villamarín, CEO de Cellnex, ou o Instituto Nacional de Ciberseguridade.
A Coruña, venres 26 de xaneiro
A necesidade de contar cunha Consellería de Telecomunicacións en Galicia foi a principal reivindicación dos enxeñeiros técnicos de telecomunicacións durante a celebración da IV edición do ForoTelecos Galicia.
«As telecomunicacións están omnipresentes, e recoñecer esta carteira só reflicte o que é evidente e relevante para toda a sociedade e o tecido produtivo. As telecomunicacións están en todas as competencias de calquera goberno de forma transversal, e pedimos que así se trate o sector», subliñou José Manuel Martínez, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (COETTGA), durante a presentación do evento.
«É prioritaria a incorporación de profesionais non alleos ao sector teleco para poder lexislar eficientemente a cuarta revolución das telecomunicacións que estamos a vivir; por iso reivindicamos a inminente incorporación de graduados e enxeñeiros técnicos de telecomunicacións en todos os ámbitos da administración pública e en todas as entidades locais, supramunicipais e autonómicas», destacou Martínez.
A este evento asistiron o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos; a concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas do Concello da Coruña, Nereida Canosa; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o director da AMTEGA, Julián Cerviño, ademais de deputados estatais e autonómicos, senadores e outros representantes institucionais e empresariais de Galicia.
Contou nesta edición coa intervención da entón Secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, María González Veracruz, que valorou o traballo exemplar dos enxeñeiros técnicos de telecomunicacións galegos e salientou que «Galicia é un referente no sector das telecomunicacións e das novas tecnoloxías tanto a nivel estatal coma internacional». Engadiu que «as telecomunicacións e a transformación dixital están entre as máximas prioridades do Goberno. En Galicia estanse a dar pasos moi importantes en sectores como o chip ou a IA, con apoio do Goberno e con anuncios como o do centro AESIA, sumados ao investimento en conectividade fixa con máis de 170 millóns para levar fibra a máis de 570.000 fogares ou empresas de Galicia, e os 87 millóns cos que se ampliará o alcance do 5G en concellos de menos de 10.000 habitantes das catro provincias».
O Hotel Finisterre da Coruña foi o escenario elixido para acoller a cuarta edición do ForoTelecos, á que acudiron máis dun cento de enxeñeiros técnicos de todo o Estado. O evento comezou cunhas xornadas formativas centradas nunha temática moi importante para o sector: a ciberseguridade.
O primeiro relatorio, impartido polo subdirector de INCIBE-CERT e CISO de INCIBE, Marcos Gómez, titulouse «INCIBE, a ferramenta de ciberseguridade na sociedade dixital». A seguir interveu o consultor de seguridade e socio de DoingIT, Bernardo Viqueira, cun relatorio centrado nos hackers. Rematou cunha mesa redonda sobre os retos e tendencias da ciberseguridade nas empresas, na que participaron o director de BE:SEC en EMETEL, Fernando Segura; o analista de seguridade de Optare Solutions, Israel Valcárcel, e a responsable de analítica en Seguridade e Privacidade en Gradiant, Lilian Adkinson.
Premios Enxeño: recoñecementos a entidades e profesionais do ramo
Tras a presentación realizouse a entrega dos Premios Enxeño 2023, a cuarta edición dos galardóns que recoñecen a traxectoria de profesionais e entidades no mundo das telecomunicacións.
– Premio Enxeño 2023 aos ex-xefes provinciais de inspección de telecomunicacións: Félix Canales, Salustiano Pérez, Perfecto Meixengo Armada, Manuel Pereira Pola e Xosé Lois González.
– Premio Enxeño 2023 a Gradiant: recolleu o premio o seu xerente, Fernando Jiménez.
– Premio Enxeño 2023 ao Instituto Nacional de Ciberseguridade: recolleu o premio o subdirector de INCIBE-CERT, Marcos Gómez.
– Premio Enxeño 2023 á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo: recolleu o premio a súa directora, Rebeca P. Díaz.
– Premio Enxeño 2023 ENXEÑEIRO DO ANO, pola súa gran actividade laboral e unha traxectoria impecable, a Santos Héctor Díaz.
– Premio Enxeño 2023 á EXCELENCIA NAS TELECOMUNICACIÓNS ao CEO de Cellnex Telecom España, o teleco galego Alfonso Juan Álvaro Villamarín.
O acto pechouse coa intervención da concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestrutura do Concello da Coruña, Nereida Canosa, que destacou que a prevención en materia de ciberseguridade ten unha repercusión directa na protección dos servizos telemáticos que se ofrecen á cidadanía. E lembrou que A Coruña foi o primeiro concello de Galicia en adherirse á Rede Nacional de Centros de Ciberseguridade en 2022.
«As administracións públicas debemos espremer e aproveitar os nosos recursos para fomentar o desenvolvemento da formación laboral asociada ao sector das novas tecnoloxías e das comunicacións», explicou Canosa.
Puxo o broche de ouro a este evento o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos, que quixo enfatizar o papel das telecomunicacións como ferramenta para a cohesión do territorio e como garantía de igualdade de oportunidades.
Miguel Corgos concluíu: «o labor dos telecos é fundamental para desenvolver e adaptar todo tipo de tecnoloxías ás necesidades específicas de Galicia».























