
O VII ForoTelecos Galicia ábrese o venres 16 de outubro de 2026 ás 18:10 h cunha xornada técnica: DriveTest Galicia 5G. Condúcea Santiago Moroño, da xunta directiva do COETTGA, no Palacio da Oliva de Vigo.
A avaliación da experiencia de usuario (QoE) e da calidade de servizo (QoS) con medidas reais de drive test na era do 5G: tecnoloxía, metodoloxía, criterios e experiencia práctica aplicada á rede galega de estradas e ferrocarrís.
Nesta xornada debullamos os aspectos técnicos e procedementais desenvolvidos e actualizados para a realidade actual da rede de telefonía móbil. Afondamos no papel imprescindible da enxeñaría técnica de telecomunicación nestes estudos, fronte a outras técnicas indirectas de inferir resultados que poden acabar moi afastadas da realidade.
Presentamos resultados reais do estudo de campo que vén de realizar o COETTGA para a Amtega, expondo nesta sesión resultados cuantificados da experiencia de usuario (QoE) e da calidade de servizo (QoS) en 3.000 km de vías de comunicación galegas (estradas e ferrocarril) en servizo polas diferentes operadoras con infraestrutura propia. Destacamos os piares tecnolóxicos, os retos metodolóxicos e as conclusións da experiencia, en contraste coas técnicas clásicas de drive test.
Expomos tamén o novo equipamento de medida empregado no drive test en combinación con outras tecnoloxías: as innovadoras unidades Hexylon Gamma, analizadores portátiles de redes móbiles desenvolvidos por Gsertel (Televés Corporación), que abren un nicho de mercado para os profesionais da enxeñaría técnica de telecomunicación, de cara á multitude de servizos e necesidades que están a agromar co desenvolvemento e a implantación do 5G máis alá da simple cobertura de alta capacidade para terminais móbiles persoais: as redes 5G privadas, as aplicacións en automatización industrial, o IoT en expansión, o edge computing, a cobertura por satélite (NTN) ou o 5G nas ICT.
Trasladamos todos estes aspectos en cápsulas prácticas, ilustradas coa experiencia real e de primeira man do persoal e das empresas que desenvolveron estes traballos. Haberá rolda aberta de preguntas e a oportunidade de establecer contacto despois coas colexiadas e colexiados, para facilitar a continuidade e a transferencia dos coñecementos e da experiencia acumulada.
Cando e onde
Venres 16 de outubro de 2026, ás 18:10 h.
Palacio da Oliva · Rúa Oliva 2-4, 36202 Vigo (Pontevedra).
A xornada abre a VII edición do ForoTelecos Galicia, que continúa ás 20:00 h coa recepción de autoridades e o cóctel de benvida, ás 21:00 h coa entrega dos Premios Enxeño 2026 e ás 21:45 h coa cea de gala.
Todos os detalles da xornada técnica · Programa completo, hora a hora · Asistencia e invitacións
